sábado, 19 de febrero de 2011




ACTA FUNDACIONAL


Juan Guerra López
Fernando Serrulla
Xosé Paz
Eduardo Castro
Marita Fernández
Alberto Vega
Abelardo Meiriño
Alberte Blanco








Na vila de Verín, sendo as vinte e unha horas e trinta minutos do 17 de febreiro de 2011, reuníronse, con carácter informal, no carismático Restaurante Zapatillas, os citados á marxe co obxecto de constituír o Foro Monterrei. Un círculo pensado para pasar o tempo, sen formalismos institucionais, en boa compaña e con intelixencia e, se pode ser, rodeados de viandas de saudable aparencia e mellor padal, porque as tarefas do espírito lévanse mellor se o corpo é reconfortado coa adecuada materia nutricia, algo que nesta bendita comarca está garantido cos seus naturais manxares e os magníficos néctares da demarcación.
Nesta primeira xuntanza falouse da historia da comarca, a inevitable acrópole e os seus nobres e escabrosos proxenitores, ademais da pegada xesuítica e os graves disparates e escasos acertos da súas sucesivas rehabilitacións. Non faltaron os comentarios sobre a política e os políticos da nosa comarca e os lamentos polo que puido ser e non foi. O ferrocarril e o AVE ocuparon tamén o interese dos tertulianos repasando as fracasadas iniciativas para poñer a comarca no centro dunha rede de comunicacións fundamental e  imprescindible para o seu despegue económico e social.
Por último, tras comprobar que a convocatoria do evento non foi inútil nin desacertada, acordouse continuar con esta insólita aventura establecendo unha nova xuntanza cara finais de marzo, aínda sen concretar. A esa próxima cita falouse de levar ideas, temas e conferenciantes (exentos de onerosas minutas) que poidan ser de interese para o Foro e, si se terza, para os veciños e veciñas de Verín e que sirvan, ademais, de base para futuras programacións.
Sen máis asuntos que tratar levantouse a sesión ás cero horas e quince minutos do amencer do 18 de febreiro de 2011.

O Secretario accidental

Alberte Blanco Casal